[index]


Himno ó amor-caridade
1 Corintios 13


1 Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.

2 Por moito que eu falase inspirado e comprendese tódolos misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.

3 Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.

4 O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece;

5 non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia;

6 non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade.

7 Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.

8 O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará.

9 Porque a nosa ciencia é limitada e limitada é a nosa inspiración:

10 e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado.

11 Cando eu era neno, falaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno.

12 Igualmente: agora vemos un espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min.

13 En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.










[index]